Andaba eu un chisco despistado ollando para o skyline dos edificios chantadeses cando, de repente, matinei en que tiñan unha sospeitosa semellanza cos estados de ánimo dun oligofrénico. Non é por importunar, mais aos que nos gusta o equilibrio e a serenidade clásicas tanto coma as tormentas románticas do Sturm und Drang, gustaríanos pasear por unha vila na que se note un chisco menos que cada bloque de edificios está construído con alturas, materiais, cores, fachadas e fiestras diferentes. Falando en prata : gustaríanos que se notase algo de persoalidade propia e coherencia arquitectónica na nosa vila, en troques deste espantoso caos ordenado do ti vai facendo que soportamos cada día.

O ti vai facendo é unha filosofía práctica moi interiorizada polos chantadeses, que aínda non caeron na conta do moito que teñen que aprender do refraneiro popular das xentes de Burkina Fasso : “Se tes présa por mercar unha cachola de cabra, acabarás mercando unha cachola de cadelo”. E é que os chantadeses, facendo, o que se di facendo, van facendo, por suposto: outra cousa é xa o cómo e o resultado, que semella importar menos, por non dicir nada.

O mal gusto arquitectónico é unha proxección externa do desleixo globalizado que coloniza aos corpos; non hai mellor maneira de saber qué demo ten dentro do caletre un pobo que observar con detenimento cómo constrúe e habita o seu territorio. Teño coñecido a algunhas almas vindas de Europa que definían, en petit comité, á arquitectura vilega de Galicia, coma unha arquitectura simpática. !Canta benevolencia – e canta verdade – existe agochada ás veces nos eufemismos dos turistas!.

skyline dos edificios chantadeses, xa que logo, é unha manifestación física e palpable da ansiosa improvisación e desorde mental na que vive sumida a súa política municipal, á que máis que política municipal habería que categorizala coma política sen municipalismo. Un tende a considerar que na política municipal, algo, un así alguiño de municipalismo, ten que haber, mais non acabo eu de atopalo.

Mais non só existe carencia de proteína municipalista na política municipal de Chantada, senon tamén política en sí e para sí. E é que Chantada é unha vila que non ten un modelo claro e definido do que foi, é e quere ser, en tódolos planos, no futuro, e precisaría, dende logo, unha maior estima e recoñecemento da utilidade que podería ter a colaboración recíproca entre documentalistas e científicos vindos do ámbito das ciencias sociais, o audiovisual e as ciencias medioambientais.

Coñecernos en concreto, dende un espíritu de interdisciplinariedade científica, e atrevernos a observarnos dende arriba, a vista de páxaro, fortalécenos como suxeitos e como comunidade humana, robustece a capacidade colectiva para facer fronte aos embates dunha globalización económica cada vez máis depredadora e, sobre todo, permítenos reaccionar dun modo intelixente e resolutivo ante os desafíos que impón un modelo de desenvolvimento que esquece as necesidades básicas e radicais dos pequenos núcleos de poboación e das súas xentes.

Cabería volver a preguntar, xa que logo, nalgún pleno municipal chantadés, aquela vella e perenne pregunta fortemente ancorada no ADN de calqueira civilización humana. ¿Quen fomos?. ¿Quen somos?. ¿Quen queremos ser?.

Sorprenderíalles, caros lectores, o incómodo silencio que obterían como resposta.