Matinaba onte na chocarreira expresión que Antom Fente Parada, concellal chantadés da CUP-Chantada, adoita usar facendo referencia a esa caste de suxeitos que moran pola nosa contorna presumindo da súa chantadesa autoctonidade. A expresión en cuestión é a seguinte : “Gauche divine á feira”. Ou sexa, a esquerda divina, encantada de coñecerse a sí mesma e á súa autenticidade cultural.

Esta Gauche divine, que non caga o que vén cagando o resto da humanidade, senón caraveis ou pepitas de ouro, auto-preténdese moi autóctona, mais non dunha autoctonidade calqueira, non, senon dunha autoctonidade chantadesa, que polo visto ten máis caché e peso específico que o resto de autoctonidades do planeta; alguns ata falan da marca – sic – Ribeira Sacra coma se ésta fose o apéndice intestinal da Chantadinidade, do mesmo xeito que aquela muller-obxecto sobresaturada de erotismo bisbaba busco a Jacq’s! ao televidente naquel famoso anuncio de colonias, lembran?.

Ao gran : a cuestión é que a Gauche Divine chantadesa é, en expresión do Antom, unha gauche divine á feira, ou sexa, Typical from Chantada, super-popular, super-arraizada no folklore cultural cotiá do paisaniño medio, super-orgullosa de pretenderse representante do – disque – alegre e espontáneo sentido común do pobo raso : se esa espontaneidade moral está ou non chea de prexuízos de xénero, clase, raciais, culturais ou relixiosos, dá igual, pois o que conta é que aquí, en Chantada, existe un preclaro grupo de suxeitos firmemente convencidos de que son xente ilustradísima e idéntica a sí mesma e de que o facho da cultura e da política de esquerda correspóndelles a eles e só a eles : supoño que haberá que deixárllelo crer para que poidan compensar a súa arrogancia cultural coa demostrada esterilidade política á hora de facer oposición ao señor alcalde, que pode non ter tanto libro nin tanta ciencia baixo as costas, mais que tivo sempre abondo máis finezza diplomática, máis educación, máis sinxeleza e menos pompa verborreica en barra de bar.

Montas un circo e claro, crecen ananos; se non tivésemos suficiente coa gauche divine á feira, crece coma a escuma, na monarquía borbónica chantadesa, o fenómeno cultural inverso, do que falarei na entrega próxima; a saber : o cosmopaletismo, ou como ser cidadán do mundo facendo un épico esforzo en disimular a tara do sotaque, a xeografía, a fala, a lingua e a memoria, persoal e colectiva, que singulariza o sentimento de pertenza de calqueira ser humano, para o cal pode un asistir a clases de Ioga en post do poso-post-post moderno moloc do baleiro e da indeterminación.

En fin, tempos modernos : manda carallo.