Un cosmopaleto é un cidadán do mundo, mais sen mundo particular do que falar. En Chantada, miña vila natal, coñezo un feixe deles; merodean, abofé, polo mundo da alta cultura e tamén da popular culture. Non é de esquerdas nin de dereitas – senon todo o contrario -, tampouco é monárquico ou republicano, senon constitucionalista, mais dun constitucionalismo tan etéreo e abstracto coma etéreo e abstracto é o espírito da Virxe do Faro, e dun xeito tan apaixoado coma Santa Teresa de Xesús en pleno rapto místico.

Ao cosmopaleto, sexa ou non de Chantada, póñenlle as verdades super-universaissuper-abstractas; non é de estranar, así pois, que cada vez que trata de falar da realidade concreta da súa contorna, máis que realidades, o que sae pola súa boca son responsos. Porque, ao fin e ao cabo, a este suxeito impórtalle un pemento a taxa de natalidade ou fecundidade da vila, impórtalle menos a súa estructura socio-económica, aínda menos impórtalle a antropoloxía cultural das xentes chantadesas, en visión retrospectiva, contemporánea ou proxectiva. Diso nada, esquézanse, chantadeses e chantadesas : cada vez que escoiten ao cosmopaleto fetén estarán asistindo a unha réplica empírica perfecta daquel estereotipo literario que tracexara o Robert Musil : évos O home sen atributos. Ao que cabería engadir, ademais, sen realidades.

Ir pola vida falando de todo, en xeral, mais sen facer referencia a nada, en concreto, é o modus vivendi de tan neutral e indefinido ser. Porque, vexamos, ¿para qué baixar á terra e facer intelixible a realidade a pao seco?. Isto custa esforzo, traballo, paciencia, escoita activa, mimo, lecturas, relecturas, procura de fontes textuais e informativas… etc. En resumo, paixón por desvelar, por entender ás pequenas cousas e persoas que fan dunha xeografía humana algo tan universal coma concreto. Disto, por suposto, o cosmopaleto non quere saber nada, porque, dito nunha das linguas que máis amo, lavorare stanca!.

E é que o cosmopaleto non naceu para dar solucions concretas e problemas concretos, non. Tampouco naceu para entender a súa realidade máis cercana, non. O seu é sair en público facendo uso da retórica. O seu grao de empatía cara á vida dos demais é comparable ó perímetro dun chícharo. O seu perfil profesional e a súa valía técnica, tan necesaria coma a humana, non lle importa, porque él naceu para pontificar e trepar, así sexa no labirinto burocrático da administración do Estado, nos cargos de responsabilidade dos partidos ou na burocracia empresarial, tanto ten.

Para isto, e para máis nada, nace e vive o cosmopaleto chantadés. E asegúrolle, querido lector, que en Chantada haille centos deles : só ten que facer o esforzo de observar; eu, pola miña banda, funlle xa dando pistas.