Ninguén máis que as redes de influencia política, económica, cultural e mediática, comprometidas coa gobernabilidade e estabilidade do estado español e coa indisolúbel unidade da súa nación, ninguén máis que eles, obrigados a redactar e aplicar lexislación cos ollos panópticos da conferencia episcopal española (CEE) e da confederación española de organizaciones empresariales (CEOE) bisbándolles na orella, ninguén máis que eles, inzados do lixo ideolóxico que verbalizan as estructuras mediáticas creadas para a fabricación dos seus consensos na transición española, ninguén máis que eles, cómpre recordar, fixeron máis para interiorizar con éxito un racismo de múltiples dimensións na sociedade civil : linguístico, cultural, racial, de xénero, relixioso e de clase. O agora denominado réxime da transición non é monopolio gubernativo do partido popular. Hai máis acrónimos políticos, no centro e nas periferias do estado, absorbidos cultural e ideolóxicamente polos seus consensos.

É preciso destapar a manta e comunicar á sociedade civil que o franquismo de onte, amparado na omnipotencia da razón de estado marcada polo dictador, aínda que non pode compararse anacrónicamente co neo-fascismo financeiro de hoxe, sí comparte unha continuidade histórica e cultural común de fondo.

Ese algo que o franquismo e os franquistas de onte comparten co neo-fascismo e os neo-fascistas financeiros de hoxe é nin máis nin menos que a súa firme criminalización político-penal a calqueira movimento civil ou forza política que se propoña unha democratización seria e profunda da institucionalidade política, xudicial, económica, cultural e mediática cementada, tanto fóra do ámbito de influencia do estado franquista, onte, coma fóra do ámbito de influencia político-económica do estado autonómico, hoxe.