Remato o Werther; transcribo ao diario as pasaxes que me atraparon; algúns, pola precisión coa que chega a conectar coas perennes contradiccións da humana conditio, tendo en conta sempre que, na sensibilidade romántica, representación e idealización – no senso anti-analítico e anti-empírico do termo -, van sempre da man.

  • “Benquerido Wilhelm, pensei abondo sobre o degoro do home por se esparexer, facer novos descubrimentos, vagar; e logo tamén sobre o instinto interno de se someter voluntariamente á limitación, andar polas rodeiras do costume sen preocuparse pola dereita ou pola esquerda”.  (Sobre o noso humán e contradictorio desexo de rachar cos límites, de procurar algo máis que o coñecido… mais tamén, de autoimpornos límites e costumes).

 

  • “Oh, coa distancia pasa como co futuro!. Un gran todo difuso xace perante a nosa alma, o noso sentimento esvaécese nel igual ca o noso ollo e arelamos, ai!, entregar todo o noso ser, deixar que nos encha o pracer dun único sentimento grande e magnífico.. e, ai!, cando nos achegamos correndo, cando o alí se converte no aquí, todo é coma antes e permanecemos na nosa pobreza, na nosa limitación, e a nosa alma ansía o solaz perdido. Así  o vagabundo máis inquedo finalmente anhela outra vez a súa patria e atopa na súa choza, no peito da súa muller, no circulo dos seus fillos, nas ocupacións para a súa mantenza, o pracer que buscou en van no ancho mundo(Sobre o noso humán e contradictorio desexo de trascender o dado no presente, proxectándonos cara o futuro… mais tamén de desexar a volta de “aqueles marabillosos anos” perdidos). (Hai, tamén, un claro ideal de vida que radiografía claramente unha cosmovisión patriarcal : o pracer e a felicidade na compaña doméstica da casa, fillos, muller e nación propia. Por suposto, é o varón o encargado de ocuparse da mantenza dos seus vástagos).

 

  • “Si, benquerido Wilhelm, os nenos son o máis próximo ao meu corazón na terra. Cando os miro e vexo nesa cousa pequena os gromos de todas as virtudes, de todas as forzas que tanto van necesitar algunha vez; canvo vexo na teimosía a futura constancia e firmeza do carácter, no descaro e o bo humor a lixeireza para esvarar por riba dos perigos do mundo, todo tan inocente, tan completo!. Entón, sempre, sempre me repito as palabras de ouro do mestre dos homes : se non vos volvedes coma un deles!. E agora, inmellorable amigo, aqueles que son os nosos semellantes, os que deberiamos ver como o noso modelo, tratámolos coma súbditos. Non deben ter vontade!. Se cadra, non temos nós ningunha?. E ónde radica o privilexio?. Porque somos máis vellos e máis listos.!… Bo deus do ceo, ti ves nenos vellos e nenos mozos e máis nada; e os que máis ledicia che dan hai moito que o teu fillo o proclamou. Pero eles cren nel e non o escoitan – outra cousa antiga! – e forman os seus fillos á imaxe deles e… Adieu; Wilhelm!. Non querro discorrer máis sobre o asunto”. (Ao igual que a divinización dun rol/modelo concreto de muller, tamén existe a divinización dun rol/modelo concreto de neno. Ámbolos dous son propiedade e deber de mantenza do varón. O tamiz da cosmovisión cristiá, é evidente e explícito).