Sigo co libro do Xénese :

Paréceme moi significativo que no Xardín do Edén no que Xahvé chantou a Adán, ademais da prohibición de comer os froitos da árbore da ciencia do ben e do mal, exista tamén a prohibición de comer os froitos doutra árbore moito menos coñecida nos imaxinarios popularizados sobre a biblia : a árbore da vida.

– Textualmente cito : “!Velaquí que o home vén a ser coma un de nós en canto a coñecer o ben e o mal!. Agora, pois, coidado, non alongue a súa man e tome tamén da árbore da vida e comendo del viva para sempre” – Di Xahvé despois de resignarse ao feito de que Adán e Eva xa probaran os froitos da árbore da ciencia do ben o do mal.

Se os froitos da árbore da ciencia do ben e do mal supoñen a pérdida da primitiva inocencia do home no seu acceso ó coñecemento, os froitos da árbore da vida supoñen o acceso á inmortalidade. Polo visto a Xahvé parecíanlle non só perigosas senon tamén pouco desexables ámbalas dúas cousas. Mais, significativo é, tamén, que a árbore da ciencia do ben e do mal e a árbore da vida aparezan xa separados no xardín do Eden de Xahvé, nun absurdo dualismo cognitivo e afectivo no que a sabedoría moral e a vida, ao parecer, teñen que crecer con raíces diferentes.

Cun Deus así, que separa a ciencia da vida e que teme dramáticamente os gozos do seu cultivo, a verdade, pouco sentido ten, para min, vivir.