2014030412452728966

 

Dime; como medirías a dor e o medo dun pobo?.
cómo descifrarías esa silenciosa álxebra?

E se as palabras non bastasen?
e se as cifras fosen só un subterfuxio?
cómo mostrarías, entón, a medoñenta dor dun pobo?

Acudirías, confiado, ao cínico chismorreo de tertulia?
axeonllaríaste, suplicante, ante o consolo dos altares?
asentirías, resignado, á violenta oratoria dos seus xefes de estado?
ou correrías, ansioso, tralo placebo dos psiquiatras?

Dime; cómo medirías a dor de todo un pobo?
porque unha bandeira acótao, mais non o alivia
e faino pequeno
un territorio faino camiñar
mais non o silencia
un himno transfórmao en orgullo
mais non o consola

Dime; ti, que bebiches das meles da ciencia
e nutrícheste do segredo dos escribas
cómo medirías a ausencia do sere amado
no fráxil e infernal traxecto dun exilio?

Ti, que sempre viviches entre números e palabras
dime qué alxebra, qué linguaxe se oculta
baixo o eterno retorno
da humillación, a miseria
e a barbarie?

Ti, que todo creíche saber, explícame
porque esta muda raiba afírmase
afírmase coa violenta anguria
dos que xa nada teñen que perder